Peato-privatizacións

Ano 2017, o Concello de Lugo presume da peonalización da Rúa Menorca tal e como se pode ver neste enlace. Na nota de prensa do 13 de marzo falaban de “humanización” e de rematar co estacionamento indebido.

Ano 2025, a Rúa Menorca convertida nun concesionario ao aire libre. Coches ben aliñados ocupando o espazo que supostamente estaba gañado para os peóns.

O contraste non pode ser máis rechamante. O que naceu como un proxecto para darlle prioridade ás persoas, acaba sendo usado como escaparate comercial.

Xa estábamos afeitos ás terrazas e o Concello decidiu ir un paso máis alá. E a cambio de que? Pagou o concesionario algo ao Concello? Houbo beneficios para a cidade ou simplemente se cedeu de balde? Porque se ao final a “peonalización” se converte nun aluguer encuberto do espazo público, estamos a falar doutra cousa. O termo correcto sería privatización.

A nota de 2017 prometía evitar “usos indebidos” da rúa. Pero vendo o que pasou, a definición de “indebido” parece bastante flexible.

O mínimo que se pode esperar é que o Concello aclare que criterios segue para ceder estes espazos e se vai ser algo habitual no futuro. Porque si pechamos rúas ó tráfico para alquilalas posteriormente para outros usos, igual non nos interesa o cambio. As rúas peonís son para pasear, atoparse e gozalas, e deberían seguir sendo de todos.