Lugo como escaparate

AC1

Hai cidades que semellan ter esquecido para quen están feitas. Xa non se deseñan pensando en quen as habita, senón en quen as visita. O importante é que o centro histórico luza impecable, que as prazas estean listas para a fotografía de rigor e que as rúas polas que transita o turista proxecten unha imaxe de prosperidade. Unha imaxe que, curiosamente, adoita rematar xusto na Rolda da Muralla.

E se para manter ese escaparate hai que levantar as mesmas rúas unha e outra vez, tampouco parece ser un problema, a partida destinada ás obras públicas leva anos sen atopar o camiño para saír do centro histórico.

As novas obras anunciadas para remodelar varias rúas do centro histórico volven apuntar nesa dirección. Non é que conservar o patrimonio sexa un erro, o erro é convertelo na única prioridade mentres o resto da cidade se deteriora. Hai cartos para embelecer o escaparate, pero non para arranxar o que os veciños utilizan cada día.

E ese modelo ten un nome. Chámase turistificación. E adoita vir acompañado doutro fenómeno aínda máis preocupante, a xentrificación. Invístese en determinadas zonas ata convertelas nun produto de consumo, os prezos soben, cambian os comercios, desaparece a vida de barrio e, pouco a pouco, quen sempre viviu alí deixa de ter sitio. A cidade deixa de pertencer aos seus veciños para converterse nun escenario.

Mentres tanto, os barrios que quedan fóra do foco reciben outro tipo de atención. No canto de reforzar os servizos sociais, mellorar o mantemento urbano ou aumentar a presenza de axentes de proximidade, a resposta pasa por instalar cámaras de vixilancia nas zonas con máis dificultades. Unha medida que pode ofrecer unha sensación inmediata de control, pero que dificilmente resolve o problema de fondo, se unha conduta se despraza a unha rúa sen cámaras, que se fará despois? Instalar máis cámaras? E despois máis? Quizais o debate non debería ser cantos ollos electrónicos precisa unha cidade, senón cantos recursos necesita para evitar que determinados barrios queden abandonados.

E se alguén dubida de cales son as prioridades, abonda con mirar unha das principais avenidas de entrada e saída da cidade, a Avenida da Coruña. Hai meses que un afundimento na calzada se resolveu cun simple cono de tráfico. Aí segue. Non parece haber présa, está demasiado lonxe do centro.

Unha imaxe que semella resumir a situación actual do Concello tras a moción de censura, había un burato e optouse pola solución máis rápida, poñer un cono enriba e seguir circulando. Porque ás veces é máis sinxelo rodear o problema que solucionalo.