O Goberno local confirma que manterá a “deriva” denunciada en abril, polo menos ata setembro

Transcorreron pouco máis de dous meses desde que a moción de censura se presentou como unha resposta inaprazable á “fraxilidade dun goberno inmobilista e á deriva”. O diagnóstico transmitía a imaxe dun Concello ao bordo do colapso institucional, onde cada xornada adicional baixo o anterior executivo supuña un risco inasumible para o interese xeral e unha proba máis da necesidade urxente de reorientar o rumbo do municipio.

Porén, unha vez acadado o goberno e, casualmente, tamén o verán, o novo executivo comprobou que a deriva admitía unha marxe de tolerancia moito maior da inicialmente prevista. Despois de anos de inmobilismo, concluíron os feitos, tampouco parece determinante prolongalo uns meses máis mentres o novo equipo completa o imprescindible proceso de adaptación ao mobiliario institucional, aos despachos recentemente estreados e ás novas nóminas.

O problema, segundo quedou aclarado, nunca foi navegar sen rumbo. O problema era que o rumbo o marcaban outros.

Co obxectivo de preservar a aparencia de normalidade administrativa durante os meses de xullo e agosto, o Concello activou o PAREO (Plan de Aparencia e Recheo Estival de Organismos), un protocolo interno destinado a garantir que a actividade institucional siga parecendo actividade institucional mesmo cando a actividade, en sentido estrito, é outra cousa.

O documento, ao que tivo acceso este medio, establece unha clasificación oficial dos contidos susceptibles de converterse en noticia durante o período estival:

  • Nivel 1: Fotografías de concelleiros visitando calquera elemento do mobiliario urbano cunha expresión reflexiva.
  • Nivel 2: Reunións de traballo cuxo principal acordo consiste en volver reunirse despois do verán.
  • Nivel 3: Anuncios de futuros anuncios cuxa presentación será anunciada oportunamente.
  • Nivel 4: Recuperación de notas de prensa antigas, substituíndo a data, a fotografía de cabeceira e, cando resulte imprescindible, o nome do concelleiro.

O protocolo inclúe ademais un apartado específico dedicado á colaboración cos medios de comunicación locais, considerados peza esencial do dispositivo. Segundo o texto, as redaccións deberán transformar calquera actividade minimamente fotografable nunha noticia con aparencia de actualidade, evitando que a cidadanía poida detectar a tradicional hibernación institucional do mes de agosto.

Deste xeito, unha visita protocolaria pasará a converterse nun “impulso á acción de goberno”, unha conversa de corredor será presentada como unha “reunión de coordinación”, e calquera paseo dun concelleiro por unha obra permitirá titular que o Concello “continúa avanzando no seu compromiso coa cidadanía”.

Fontes municipais lembran que o obxectivo do PAREO non é xerar actividade, senón administrar con criterio a ausencia da mesma. “O recheo informativo —conclúe o documento— cumpre a mesma función que o das empanadillas dos bares da Praza Maior, dar sabor á masa, aínda que todos saiban que dentro non hai realmente nada.”

No eido cultural, destaca o estreo da nova película dos Minions e tal….

Notas necrolóxicas
Tras unha longa doenza dexenerativa coñecida como “normalización do excepcional”, a democracia como concepto faleceu. A súa contorna confirma que o desenlace era previsible desde hai tempo, aínda que ninguén soubo sinalar o momento exacto no que deixou de funcionar.