Déixenme que lles conte unha sensación de déjà vu que me produce a situación no Concello de Lugo.
En Vigo, alá polo 2003, o PSOE pactou co BNG para formar goberno. Duraron o que dura un verán en Galicia sen choiva. Aos seis meses, moción de confianza mediante, o PP levou a alcaldía case sen despeitearse. Dende aquela, o BNG foise pouco a pouco diluíndo, chegando incluso a quedar sen representación no ano 2015.
A día de hoxe todos sabemos quen goberna cunha maioría absolutísima…
Son consciente de que ningunha forma de goberno é infalible. Os gobernos de maioría absoluta son como un bufé libre, ao principio probas de todo, pero ao final acabas empachado e xa non tes cabida para máis democracia. A tentación de gobernar só para os teus é demasiado forte… Os bipartitos poden parecer preciosos e resolver ese problema, xa que hai máis diversidade, máis representación… máis democracia, ao fin e ao cabo. E se foran tripartitos, xa sería unha festa de pluralidade.
Pero o problema é cando eses gobernos plurais se converten en varios gobernos paralelos, cada un tirando para a súa parroquia, que é a sensación que me produce actualmente o Concello de Lugo. Aínda que de cara ao público amosan unha imaxe de unidade, é máis que evidente que as distancias entre ambos membros do bipartito son cada vez maiores. Alcaldía vs Tenencia de Alcaldía, cada cal asinando as obras como se fosen sinxelos en solitario no canto dun disco conxunto.
E mentres tanto, a oposición está sentada na súa tumbona á espera. Non precisan mover un dedo, só esperar a que o bipartito se autodestrúa para recoller os froitos. Política low cost.
Así que, ou lavamos os trapos sucios na casa e remamos todos cara ao mesmo lado, ou o barco acaba escorando. Adiviñan cara a que lado?
