O Padriño 4

Ai, a política… esa nobre arte de servir ao pobo. Servilo en bandeixa de prata, claro, para que os subalternos de turno poidan repartilo coa súa familia como se fose pasta fresca un domingo.

Porque, imos a dicilo sen rodeos, moitos dos que nos gobernan non chegan ao poder pola súa loita contra a corrupción, senón grazas a ela. Son como o Don Vito Corleone do teu barrio, teñen contactos, favores que cobrar e, sobre todo, a capacidade de sorrirte namentres te rouban a vaixela.

Pero o realmente fascinante non é que eles sexan así. Non. O fascinante é que todos o sabemos. E o aceptamos. ¿Por que? Pois porque levan a insignia do “partido bo”. Si, o noso. Ese que defende o que pensamos. O que nos representa.
De súpeto, o mesmo tipo que fai un mes chamaríamos mafioso, agora é un “líder astuto”. O roubo é “xestión eficiente”. A extorsión é “negociación política”. E cando compra vontades, decimos que está “tecendo alianzas estratéxicas”.

No fondo, somos como eses secundarios que xuran que o xefe é un home respetable… ata que un día tócalles pagar “a cuota” e, oh sorpresa, comezan a ver con claridade o que antes non querían ver.

Pero tranquilos, mentres o líder sexa da cor da nosa bandeira, sempre poderemos durmir tranquilos pensando que rouba… pero rouba para os nosos.

Isto enlaza tristemente cunha realidade que xa é tradición en Galicia, chega o verán e, como se alguén fixera un sinal dende o balcón, o monte comeza a arder.

Todos sabemos que a xestión forestal comeza en febreiro: limpar cortalumes, retirar maleza, planificar brigadas… pero iso non dá votos nin contratos suculentos. Así que, ignoran o problema e deixan que creza, se infle e se converta nun incendio bíblico. Total, canto maior sexa o desastre, máis contratos de emerxencia, máis fotos con helicópteros e máis excusas para repartir favores.

E aquí chega a parte cómica, os fieis ao líder, como si lle deberan algo, implícanse sobremaneira e esfórzanse en defendelo. “Non é culpa súa, é que vai moita calor…”, “É que hai xente mala que queima o monte…”, “É culpa do outro que non fixo nada antes”…

O bosque quémase, as aldeas énchense de fume, a fauna morre, e a nosa fé no lider reafírmase. E cando alguén sinala que quizais, só quizais, isto se tería evitado traballando no inverno, respondemos como auténticos soldados: “Shhh… non fales así do xefe, que nos protexe dos outros”.

Ai, a política… esa nobre arte de servir ao pobo… entre discursos grandiosos e promesas eternas, aprendemos que a habilidade real non está en resolver problemas, senón en facer crer a todos que se está facendo algo. É case poético, se non fose tan previsible e, ás veces, perigosamente daniño.