Lugo, 2 de xullo de 2025 – A agardada rampa para bañarse no río Miño, que se converteu nun emblema da frustración burocrática lucense, está preto de ser instalada, pero só se os mexillóns non decidan interromper o proceso con novas “exixencias medioambientais”.
Tras un longo e tedioso proceso de autorización por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o Concello de Lugo recibiu o visto bo despois de anos de tira e afrouxa, informes técnicos, cambios de goberno e ataques pasivo-agresivos por parte dos moluscos. Iso si, a instalación queda suxeita a que os mexillóns autóctonos non interpongan máis recursos que a propia Xunta de Galicia.
Tras reunirse coa veciñanza nunha mesa de diálogo celebrada sobre unha pedra plana do Miño, o Concello admite que os mexillóns “teñen argumentos sólidos, con máis fundamento legal que a Xunta e máis presenza no río que Protección Civil”. Segundo a acta da reunión, os mexillóns opóñense frontalmente á instalación da rampa porque “alteraría a paz moluscular” e podería atraer hordas de bañistas “con crocs fosforitos e altavoces con reguetón”, o cal consideran unha ameaza directa ao seu modo de vida. O Concello prometeu revisar o proxecto incorporando melloras como unha pasarela antideslizante, sinalización en tres idiomas (galego, castelán e mexillón antigo) e unha zona de sombra exclusivamente para bivalvos con ansiedade.
“Levamos tres lexislaturas agardando esta rampa. Xa non sabemos se a culpa é de Patrimonio, a CHMS ou directamente un mexillón con bufete propio”, declarou un veciño visiblemente emocionado tras a asamblea veciñal celebrada no local social, na que tamén se votou se facer churrasco o domingo despois da misa das 12.
Durante a reunión, os técnicos explicaron que os mexillóns do Miño, considerados especie sensible, xa emitiron varias notas de prensa e un manifesto en galego normativo onde se opoñen frontalmente a que “humanos con chancletas e crema solar invadan o noso hábitat sen permiso nin respeto”.
Pola súa banda, a Xunta solicitou 14 estudos de impacto, 3 consultorías externas e un detallado análise sobre como evitar que a rampa se converta no epicentro de selfies, TikToks e “stories” infinitas, que poderían alterar gravemente a tranquilidade dos mexillóns. Tamén, ao tratarse dunha zona de descanso frecuentada por familias, a Xunta instalará carteis coa seguinte mensaxe:
Si quieres comerte un mejillón, hazlo en la mesa… no en la orilla.
XUNTA DE GALICIA
Consellería de Medio Ambiente y Patrimonio Natural
Con esta iniciativa preténdese fomentar o respecto e evitar comportamentos inapropiados, garantindo así un ambiente tranquilo e agradable para todos os visitantes.
Fontes do Concello confirman que, de non ir adiante esta proposta, existe un plan B que consiste en colocar unha corda desde a ponte romana e fiar todo á providencia, agardando que sexan máis os que se tiren con graza que os que acaben en traumatoloxía.
