Reconquistar sen cambiar nada

Pasadas as primeiras semanas desde a moción de censura que levou ao PP á alcaldía de Lugo, o anterior goberno PSOE/BNG semella decidido a reconquistar o concello. Ata aí, nada estraño. O verdadeiramente interesante é o método elixido, apostar exactamente por aquilo que os conduciu ao fracaso. Practicamente as mesmas caras, as mesmas dinámicas e, polo que se intúe, o mesmo manual de instrucións que xa desembocou no fiasco anterior. Cero autocrítica e aínda menos interese por recuperar a ilusión dun electorado que hai tempo empezou a desconectarse. A estratexia parece consistir en administrar unha dose de fentanilo cada vez máis intensa, manter todo nun estado de apatía controlada onde ninguén espere demasiado, ninguén cuestione demasiado e, sobre todo, ninguén lembre por que deixou de confiar.

É unha táctica peculiar, como eses equipos que encadean tempadas mediocres e chegan á conclusión de que o problema non é o sistema de xogo, senón a mala sorte combinada con arbitraxes desfavorables e unha meteoroloxía adversa.

Porque convén lembrar algo elemental, as mocións de censura non aparecen por xeración espontánea. Adoitan prosperar cando un goberno acumula desgaste, erros de xestión, desconexión política e unha preocupante incapacidade para interpretar o malestar antes de que sexa irreversible.

E, porén, a reacción parece ser xustamente a contraria da esperable. En lugar de abrir unha reflexión seria sobre que fallou, que afastou ao electorado e que erros facilitaron a perda da alcaldía, dá a impresión de que algúns prefiren esperar a que o tempo dilúa o recordo e permita retomar a programación habitual.

A oposición actual ten opcións reais de recuperar terreo, sen dúbida. Pero para logralo necesitaría algo bastante máis complexo que encadear actos e recuperar consignas. Ten que asumir responsabilidades políticas de verdade, revisar formas, liderados e prioridades. Entender que renovar non significa traizoar ideas, senón demostrar que aínda existe capacidade de aprendizaxe.

Porque se a mensaxe para 2027 consiste en ofrecer exactamente o mesmo, coas mesmas persoas e o mesmo ton que levou ao desgaste anterior, quizais o problema non sexa unicamente ter perdido a alcaldía. Quizais o problema sexa non ter entendido aínda que a cidadanía pode perdoar erros, pero raramente premia a soberbia de quen nin sequera considera necesario corrixilos.