Semana I do novo goberno. Lugo abandona a UCI… segundo o parte inicial da reconquista

Tras a moción de censura, presentada como unha resposta á necesidade urxente dun cambio na acción de goberno que levou a Elena Candia á alcaldía co apoio dunha concelleira tránsfuga, o novo goberno municipal xa comezou a marcar perfil propio. E, como adoita ocorrer en política, as primeiras decisións serven para entender bastante ben cales son as prioridades dunha etapa.

Unha das primeiras medidas foi retirar a bandeira de Palestina de O Vello Cárcere, pese a que a súa colocación fora aprobada previamente en pleno. Un inicio simbólico, sen dúbida. Sempre resulta interesante comprobar como os gobernos recén chegados senten a necesidade de deixar pegada canto antes, aínda que sexa empezando polas paredes.

Outra das medidas anunciadas céntrase na redución do gasto político nun 40%, unha porcentaxe que, expresada así, resulta inevitablemente atractiva. Agora ben, se aplicamos a lóxica proporcional, cabe entender que esa redución virá acompañada tamén dun 40% menos de acción de goberno, de presenza institucional e quizais de dedicación efectiva aos asuntos municipais.

Tamén parece estar en marcha un cambio de imaxe corporativa do Concello. Aínda non se coñece o deseño definitivo, pero si a vontade firme de abandonar o actual. Tendo en conta que o logotipo vixente continúa presente en páxinas web, formularios, impresos, sinalética e documentación de todo tipo, cambiar unha identidade visual institucional non semella precisamente a maneira máis barata de transmitir intención de aforro, e menos a un ano dunhas eleccións nas que todo podería volver replantearse.

Pero onde realmente se percibiu o sentido da urxencia foi na actualización das dietas por asistencia a órganos municipais. A medida requiría tal nivel de prioridade institucional que foi necesario convocar un pleno urxente que durou 3 minutos e 48 segundos. Evidentemente, había asuntos que non podían esperar máis polo ben da cidadanía lucense. O cal ten certo mérito. Poucas veces unha emerxencia municipal se resolveu con tanta rapidez e cun rendemento por minuto investido tan elevado.

De momento, estas foron as prioridades inaugurais despois da reconquista. Haberá tempo para comprobar se estas decisións eran simplemente xestos de chegada ou o anticipo do modelo de cidade que se pretende construír.