Altri alíase cunha marca alemá para producir “hilillos de plastilina verdes”


Por Redacción Orgánica – El Puerto, 2 de xullo de 2025

Nunha colaboración que ninguén pediu pero que todo o mundo finxirá entender para parecer sostible, a empresa portuguesa Altri uniuse á marca alemá Hugo Bosta Verde Vibes EcoGlam Kale Couture (HBVV-EGK-Couture) para lanzar o produto máis innecesariamente ecolóxico desde as palliñas de bambú con Bluetooth: «hilillos de plastilina verde» de orixe celulósica, comestibles, compostables e que se poden aliñar cun pouco de vinagreta para dar ese toque a eucalipto no teu menú vegano.

“É o futuro da sustentabilidade, da moda circular e da gastronomía de emerxencia. Vistes con estilo e, se che entra fame, comes os puños da camisa», declarou Quinoa Soares, CEO de Altri, mentres presentaba unha chaqueta con aroma a horto urbán acompañado polo Conselleiro da Xunta, Perfecto Palleirán.

Os novos fíos, elaborados a base de eucalipto, celulosa máxica e palabras como “verde”, “eco” e “holístico”, prometen revolucionar a industria téxtil, alimentaria e mesmo a compostaxe doméstica. Cada peza trae a súa propia data de caducidade, receitas recomendadas e un código QR que calcula a túa pegada de carbono emocional.

Desde Alemaña, o deseñador vegano e medio espiritual Hans von Spirulina, voceiro da marca aliada, explicou a filosofía detrás da colección:
“A sustentabilidade non é só unha tendencia, é un estado da alma con filtro sepia. Queremos que a xente se exprese sen danar o planeta.”

As prendas estarán dispoñibles en tres formatos:

  • Cru orgánico (sen tinguir, sen pasar o ferro, sen contexto),
  • Crocante kale crunch,
  • Vinagreta de autor (só dispoñible durante o equinoccio de outono).

Pero non todo é compost e glamour. Detrás dos fíos verdes escóndese unha verdade menos aromática: ninguén pediu a fábrica, ninguén a quere, pero aí vén igual, envolta en eucalipto e regada con promesas e subvencións.

Grazas a unha alianza tan estratéxica como sospeitosa con políticos de sorriso fotovoltaico, lanzouse unha campaña que mestura promesas de emprego exprés, eslóganes baleiros e PowerPoints. “É unha oportunidade histórica”, repiten, mentres reparten folletos reciclables e contratos temporais.

Aos que dubidan chámanlles retrógrados; aos que aplauden, prométenlles un soldo, un café e, con sorte, unha nova liña para o perfil de LinkedIn.

Baixo o lema “Prometemos trabajo, no coherencia”, a Xunta puxo en marcha unha campaña a favor da empresa e xa concedeu a Declaración de Impacto Ambiental. Co selo oficial no peto e a narrativa ben perfumada, é só cuestión de tempo que a fábrica agrome na paisaxe como unha nova especie invasora: resistente, expansiva e difícil de erradicar.