Lugo, 14 de julio de 2025
Nun xiro que sorprendeu a poucos pero indignou a moitos, a nova dirección do CD Lugo decidiu amputar a sección feminina de fútbol do club. Así, sen anestesia: os equipos de Terceira RFEF e Segunda Galega foron borrados do mapa albivermello, porque, segundo fontes próximas á directiva, “o fútbol feminino non sae a conta, e aquí vimos contar cartos, non goles”.
A decisión, comunicada coa delicadeza dun defensa central nun partido de rexional, provocou unha vaga de críticas entre a afección lucense, que ve como o seu club, outrora emblema da cidade, despídese do fútbol feminino cun portazo.
A directiva, encabezada polo tándem Máximo Recorte e Alfonsín Fondos, non perdeu tempo en xustificar a medida. “Queremos un proxecto competitivo, e iso pasa por optimizar recursos”, explicou un portavoz mentres repasaba o Excel no que, polo visto, o fútbol feminino aparecía en vermello. E non precisamente pola paixón albivermella. A lóxica é implacable: o CD Lugo é unha empresa, e as empresas fan co seu diñeiro o que lles peta.
Agora ben, se o CD Lugo decidiu que o fútbol feminino non encaixa no seu negocio, talvez chegou o momento de que as institucións públicas decidan que o club tampouco encaixa nos seus orzamentos. Porque non se pode predicar igualdade os luns e financiar o machismo estrutural os venres. As subvencións non poden ser un premio para quen recorta polo sitio de sempre: polas mulleres. Se o club quere operar como unha empresa privada sen compromiso social, perfecto. Pero daquela, que se manteña con diñeiro privado e non co de todos.
E ollo, que a liberdade vai en dobre sentido. A afección tamén ten o seu diñeiro e o seu orgullo. Se eles poden pechar a sección feminina porque «é o seu club», os seareiros poden deixar de ir ao Anxo Carro porque «é o seu tempo».
Se o CD Lugo quere xogar aos recortes sen complexos, que o faga co seu propio balón, pero que non agarde que llo inflen desde o público mentres lle dá patadas á igualdade.
