Santiago de Compostela, 14 de Xullo de 2025.
Nunha cerimonia cargada de emoción, gaitas e lixeira confusión protocolaria, a Xunta de Galicia concedeu a Medalla de Ouro de Galicia á infanta Leonor “por su incuestionable trayectoria como infanta, hija del Rey y asistente habitual a cosas”.
O galardón, reservado tradicionalmente a persoas ou entidades cunha destacada contribución a Galicia, foi entregado á primoxénita do rei pola súa valente labor de representación pasiva da monarquía. “No ha hecho nada por Galicia, pero tampoco ha hecho nada en contra, lo cual en estos tiempos ya es bastante”, sinalou o presidente da Xunta.
“La infanta representa los valores eternos de Galicia: el silencio, la paciencia y la capacidad de estar en un sitio sin que nadie se dé cuenta”, explicou o presidente. “No hace política, no incomoda, no opina. Es, sin duda, el alma gallega en estado borbónico puro.”
A Casa Real, visiblemente emocionada, agradeceu o recoñecemento. Durante o acto, a infanta Leonor pronunciou unhas palabras nas que destacou a súa “profunda conexión espiritual con Galicia desde que unha vez pasou por Ribadeo en iate”. Nun esforzo tan heroico como inútil por conectar coa alma galega, a infanta tentou pronunciar “Xunta” e “Rianxo” durante o seu discurso, desencadeando unha sinfonía de sons que oscilaban entre unha “j” aspirada e unha “x” despalatalizada. “É que o ‘x’ galego ten un non-sei-que, un je-ne-sais-quoi, non si?”, balbuciu, mentres o público, entre risas disimuladas e miradas de compromiso, aplaudía timidamente. Algúns incluso aseguraron notar un acento lixeiramente atlántico na súa entonación, “coma se levara unha semana en Carnota”.
O momento confuso chegou cando, nun xesto espontáneo durante o acto, a infanta tentou saudar ao seu curmán Froilán, presente na cerimonia, cun xesto que os críticos non tardaron en cualificar de “performance premonárquica avant-garde”. O xesto perfectamente desaxustado ao protocolo, deixou á comitiva institucional nun silencio reverente. Preguntada máis tarde polo incidente, entre risas nerviosas, a infanta aclarou que “é unha broma que facemos habitualmente na intimidade”.
